Thursday 09 de May de 2024

Alumnado e familias coñecen as oportunidades do novo proxecto Erasmus+ do Divino Maestro (A Pobra)


Nesta ocasión, ademais de mobilidades destinadas ao alumnado, haberá actividades para profesorado e visitas de expertos convidados

Na noite deste xoves 9 de novembro, o centro de Formación Profesional Divino Maestro da Pobra do Caramiñal, especializado na familia profesional de administración e xestión, celebrou no Teatro Cine Elma, unha xornada de difusión do seu novo proxecto Erasmus+.

Esta sesión, que estivo dirixida a profesorado e alumnado, serviu para dar a coñecer todos os detalles do proxecto de internacionalización que se desenvolverá ao longo do vindeiro ano 2024. Na mesa de intervintes tomaron a palabra dous alumnos que foron beneficiados con mobilidades de Erasmus+, concretamente Raquel Martínez (que estivo en Boloña-Italia) e Fernando Oujo (que se desprazou á rexión de Porto, Portugal), ambos os dous para realizaren as prácticas de fin de ciclo formativo. O alumnado compartiu a súa experiencia, incidindo na idea de que supuxo unha experiencia vital para eles e destacando o enriquecemento persoal, profesional e cultural que estas actividades supuxeron. Finalmente, quixeron animar aos seus compañeiros a solicitar unha praza para aproveitar esta oportunidade.

Novos socios clave: Suecia, Francia e Madeira (Portugal)
Así mesmo, na sesión participaron profesores do centro educativo Lycée Janet et Curie, de Sens (Francia), tomando a palabra Catherine García na súa condición de directora de FP desta institución formativa. O profesorado francés quixo aportar certezas sobre as condicións de seguridade nas que se despraza o alumnado, indicando que eles ao ser un socio do Divino Maestro velarán para que as mobilidades de desenvolvan con normalidade e garantindo súa asistencia en caso de ser preciso.

Finalmente, tomou a palabra a directora para dar conta das mobilidades que están previstas. Así pois, Chefa Bretal indicou que terán lugar, en 2024, 4 mobilidades de alumnado para a realización da formación en centros de traballo (as prácticas profesionais) durante os meses de abril e xuño. Así mesmo, dous profesores do Divino Maestro se desprazarán, previsiblemente, a Suecia para realizar unha aprendizaxe por observación e, finalmente, convidaranse a dous profesores expertos do “Instituto para a Qualificação IP-RAM” da rexión de Madeira (Portugal) para que a comunidade educativa do Divino Maestro poida coñecer casos de éxito noutros centros europeos.

Plan de internacionalización
Todas estas actividades están previstas no marco do Plan de Internacionalización, para que o Divino Maestro da Pobra do Caramiñal se poida integrar no Espazo Europeo de Formación Profesional, na súa búsqueda pola excelencia académica e pola xeración de oportunidades para a súa comunidade educativa.
A implementación deste proxecto Erasmus+ foi posible grazas ao traballo do claustro do centro e á posta en marcha dun Equipo de Programas Internacionais que seguirá traballando para que o impacto de Erasmus+ sexa cada vez maior.